Thursday 02 de May de 2024

Inícianse as obras de mellora da estrada Ordes-Carballo


 

Levaranse a cabo ao longo dos municipios de Ordes, Cerceda e Tordoia. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade investirá preto de 800.000 €

Esta mañá deron comezo as obras de mellora do firme na estrada AC-413 (Ordes-Carballo), ao seu paso por Ordes. Unha actuación que se está a iniciar nas proximidades da zona do Valado, coñecida comunmente como O Empalme. A dita obra tamén se estenderá polos municipios de Cerceda e Tordoia.

O importe total do investimento por parte da Consellería de Infraestrutura e Mobilidade sitúase preto dos 800.000 euros, cartos cos que se reporá o firme nos puntos necesarios. Tamén se construirá unha cuneta de seguridade onde se precise, levarase a cabo a disposición de reflectores, o repintando das marcas viarias, ademais da renovación de sinais. O prazo de execución para todo isto estímase en catro meses.

Para ser exactos traballarase no tramo comprendido entre o punto quilométrico 3 e o 16+200, que coincide coa intersección coa estrada autonómica AC-400, á altura do núcleo da Silva (Cerceda).

Cómpre lembrar que en 2016 a Xunta xa realizara obras de rehabilitación da capa de rodaxe nos tres primeiros quilómetros dos treitos inicial e final desta vía. A maiores actualmente tamén está en execución outro contrato de melloras de firme, que inclúe traballos no tramo final da estrada AC-413.